Ficha técnica
Autor: Gregorio Ferro
Cronoloxía: Ca. 1809
Material: Óleo sobre lenzo
Procedencia: Catedral de Santiago
Segue unha presentación piramidal na que a Virxe aparece axeonllada como símbolo de humildade. Entre ela e o arcanxo san Gabriel interponse unha mesa con tapete carmín disposta en diagonal, sobre a que se atopa un pequeno floreiro con azucenas, aludindo á súa pureza. A diferenza doutras representacións tradicionais nas que María le nun atril, aquí se dispón unha canastra cos textos sobre os que estaba concentrada. Ademais, inclúe unhas tesoiras, para reforzar o carácter laborioso da Virxe. Desde a parte superior, Deus Pai e o Espírito Santo observan a escena. O arcanxo, sostido no aire, xesticula cara a María, que coloca as mans en sinal de aceptación. É unha obra que amosa con claridade as características do estilo de Ferro: a precisión e elegancia do debuxo, o suave modelado que o relaciona coa pintura italiana, a serenidade do seus personaxes e a sobriedade da súa paleta, na que predominan tons dourados, azuis e carmíns de baixa saturación.
