O claustro procesional ou claustro grande de San Martiño Pinario constituía o verdadeiro centro da vida monástica da comunidade beneditina. Concebido como un espazo monumental, funcionaba non só coma eixe das procesións monacais cara á igrexa, senón tamén coma un gran atrio e unha zona de acollida para ilustres viaxeiros e peregrinos que se hospedaban no recinto.
A súa construción, iniciada no 1627 baixo a dirección do arquitecto granadino Bartolomé Fernández Lechuga, prolongouse durante máis dun século debido a unha serie de paralizacións que obrigaron a que o conxunto non se considerase rematado ata 1746. A pesar de que mestres da talla de José de la Peña de Toro ou Fernando de Casas e Novoa tomaron o relevo da dirección do proxecto, a traza orixinal sempre foi respectada, dando coma resultado un conxunto armónico, equilibrado e de grande homoxeneidade construtiva.
Arquitectónicamente, o claustro procesional defínese por unha planta rigorosamente cadrada con seis tramos por panda e unha marcada sobriedade. Articulado en dúas alturas, o corpo baixo destaca polas súas arcadas de medio punto, pola orde xigantesca das súas columnas pareadas e polas galerías articuladas a través de bóvedas de aresta con sutís xogos xeométricos. Por outra banda, o corpo superior conta con balcóns enmarcados por pilastras e unha cornixa voada decorada por pináculos barrocos que foron engadidos posteriormente ao proxecto orixinal.
O espazo complétase con dous elementos singulares: o impoñente campanario en espadaña vencellado á obra de Peña de Toro e a fonte central do patio —obra atribuída a frei Gabriel de Casas— trasladada no 1950 dende o claustro de oficinas ata o seu emprazamento actual.