Ficha técnica
Autor: Anónimo compostelán
Cronoloxía: Ca. 1500
Material: Prata sobredourada e na súa cor
Procedencia: Parroquia de San Fiz de Solovio (Santiago de Compostela)
Trátase dunha extraordinaria peza de ourivaría compostelá do último gótico, datable cara o ano 1500, procedente, orixinalmente, da comunidade franciscana de Santiago, que a vendeu en 1640 á comunidade de Solovio. Neste momento, a peza foi arranxada e limpada, levándose a cabo algunhas modificacións, como a colocación do Cristo crucificado que preside o anverso. Actualmente, nos medallóns situados a cada extremo, acompañan a Cristo: arriba, Santiago peregrino; abaixo, a Resurrección de Lázaro; e, aos lados, San Francisco e San Buenaventura. Pola súa parte, o reverso, está presidido pola imaxe da Virxe co Neno, acompañada de anxos turiferarios aos lados, San Antonio abaixo e Santa María Salomé arriba. Tamén destaca o seu pedestal hexagonal con nó con forma de castelo.
