Desde a inauguración do Seminario en 1829 e ata mediados do século XIX, as materias de carácter xeral que constituían o ensino secundario non se incorporaron á docencia, sendo no curso 1856-57 cando apareceu a materia de Física, e en 1868 a de Historia Natural. Neste contexto, o material didáctico dispoñible era moi escaso.
En tempos do prelado García Cuesta, comezaron a organizarse seguindo o modelo dos institutos de ensino secundario, que debían contar, entre outros medios de instrución, cun gabinete de física, un laboratorio de química cos aparellos e reactivos necesarios, unha colección clasificada de mineraloxía, outra colección de zooloxía na que existisen as principais especies e láminas nas que se representasen os diferentes seres da natureza, así como un xardín botánico.
En 1855 decidiuse mercar unha pequena parte deste instrumental, ampliada durante o tempo do cardeal Payá, co protagonismo do xesuíta P. Xerónimo Rojas, a quen lle foi encomendado viaxar a París e adquirir o material necesario para o ensino destas materias.