Ficha técnica
Autor: David Planas
Cronoloxía: 2021
Material: Técnica mixta
Procedencia: Museo Catedral de Santiago
Esta obra de gran formato representa o rostro do apóstolo Santiago a partir da imaxe do parteluz do Pórtico da Gloria. Trátase dunha interpretación contemporánea que reflicte as transformacións simbólicas e estéticas do Apóstolo ao longo do tempo, e propón unha renovación da súa iconografía como figura espiritual e cultural. A multiplicidade de rostros alude á súa dimensión universal e ao encontro persoal do peregrino coa figura do santo. A peza foi exposta na nave central da Catedral, xunto ao Pórtico, durante un breve período en 2022, establecendo un diálogo simbólico coa escultura medieval. Posteriormente, formou parte da exposición Iacobus. A historia dun peregrino e pasou a integrarse na colección pictórica do Museo Catedral.
