Ficha técnica
Autor: Manuel Landeira Bolaño
Cronoloxía: 1768-1772
Material: Óleo sobre táboa
Procedencia: San Martiño Pinario
A imaxe da igrexa triunfante decora o anverso da porta que comunica a statio co interior do templo. A Igrexa, representada como unha muller enmarcada por unha estrutura arquitectónica clásica, atópase sentada sobre un elevado pedestal. Sostén na man dereita unha custodia da cal saen raios que fulminan a unha figura masculina, situada aos pés, espida e con cabelos convertidos en serpes, mentres que outra de grandes dimensións se envolve no seu corpo. Esta figura representa as herexías que aparecen presentadas no lombo dos tres libros da esquina inferior esquerda: Arrio, Calvino e Lutero. No reverso consérvase o escudo da congregación de San Bieito, situado baixo un nicho e sobre un marmóreo pedestal, suxeito por un anxo neno a cada lado. Está constituído por dous cuarteis nos que se representa a torre dun castelo e un león rampante que porta das patas dianteiras o báculo abacial, e culmina cunha coroa real.
