A figura do apóstolo Santiago, venerado en Compostela desde o descubrimento do seu sepulcro no século IX, constitúe o eixo espiritual e visual da cidade. A súa imaxe foi representada desde múltiples perspectivas que reflicten as transformacións estéticas, relixiosas e culturais de cada época. A arte xacobea móstrao como apóstolo, peregrino, intercesor e guerreiro. Desde o parteluz do Pórtico da Gloria, onde proclama Misit me Dominus (O Señor envioume), até o cabaleiro de Clavijo ou o guía espiritual do camiñante, o Apóstolo encarna tanto a procura interior como a defensa activa da fe. As obras reunidas nesta exposición, dende as reinterpretacións contemporáneas de David Planas ata o Santiago Matamoros de José Gambino, revelan unha iconografía rica e cambiante. Fronte á imaxe combativa do miles Christi, érguese unha visión simbólica, aberta e universal da súa figura. Santiago continúa a ser unha presenza viva, capaz de interpelar ao peregrino de cada tempo. Iacobus convértese así nun espello espiritual para quen busca sentido, consolo ou transcendencia.