A Statio ou antesancristía é o espazo situado entre a igrexa e a zona habilitada como sancristía. Considérase a antesala do altar, a antesala do ceo, ese lugar que os tratadistas do barroco representaban con cualidades corpóreas. Está formada por unha planta rectangular e unha bóveda alongada de medio canón.
No muro que separa o paso á sancristía e as portas da igrexa atópase a imaxe dun Cristo anteriormente situada no relicario de San Martiño Pinario. Polas súas características técnicas e os seus trazos, como son o cánon curto, o seu naturalismo e as faccións do rostro, podería atribuírse a un discípulo de Miguel de Romay, un dos principais artistas de Compostela na primeira metade do século XVIII.
Tamén se atopa fronte á imaxe do Cristo crucificado o retablo da Nosa Señora do Pilar, do derradeiro cuarto do século XVIII, cuxas imaxes pertencen á escola de Mateo de Prado. Pechan a estancia as portas pintadas por Manuel Landeira Bolaño, que representan temas como a Igrexa Triunfante, o anxo turiferario e un escudo da congregación de San Bieito.