Fernando de Casas trázao en 1742, seguindo similares formas ao dedicado á Virxe no outro lado do cruceiro. O retablo consta de dous corpos, o inferior de tres rúas separadas por columnas salomónicas, e o superior dunha soa rúa con fornela, frontón partido e remate piramidal. O labor escultórico débese a escultores formados no obradoiro de Romay. A rúa central está dedicada ao Santo Patriarca. A súa imaxe lémbranos, a través dos seus atributos, a súa autoridade e dignidade (báculo e mitra), o seu labor lexislativo (libro da Regra) e o seu poder taumatúrxico (corvo co pan no peteiro). No relevo do ático amósase o episodio da vida do Santo recibindo asistencia divina no momento de escribir a Regra. Nas rúas laterais figuran, na parte baixa, San Plácido e San Mauro, discípulos predilectos de San Bieito, e arriba, Santo Anselmo e San Tomé de Aquino. Coroan o retablo na parte media, ademais do relevo da éxtase de San Bieito, a representación da Trindade e un San Miguel triunfante sobre o demo. Santo Agostiño e San Francisco rematan as rúas laterais.
Santo Agostiño como doutor da Igrexa e fundador leva como atributos unha pluma e unha maqueta da Igrexa. San Francisco porta o bastón de peregrino e un cesto de peixe que, como foro, pagaban todos anos os franciscanos de Santiago ao mosteiro de San Martiño Pinario pola cesión dos terreos nos que se levantou o convento de San Francisco de Santiago de Compostela.
