Ficha técnica
Autor: Xesús Rodríguez Corredoyra
Cronoloxía: 1915
Material: Óleo sobre lenzo
Procedencia: Mosteiro de San Martiño Pinario
Este retrato foi erixido en honra a Amor Ruibal pola súa contribución na elaboración dos estatutos da recentemente creada Universidade Pontificia (1897), vinculada ao Seminario Maior de Compostela, institución na que se formou e onde máis tarde exerceu como docente. O seu autor, Xesús Rodríguez Corredoyra, concibe unha obra de carácter modernista con influencias barrocas, na que o simbolismo se impón ao realismo fotográfico. A través dunha composición rítmica e expresiva, o pintor procura reflectir a interioridade do personaxe, enfatizando o tratamento das mans, do rostro e da rixidez corporal. Estas calidades revelan unha atmosfera melancólica, marcada por unha paleta austera e o uso dramático do claroscuro.
