Ficha técnica

Autor: Atrib Francisco de Zurbarán
Cronoloxía: Ca. 1640-1643
Material: Óleo sobre lenzo
Procedencia: Cesión da comunidade de Nais Clarisas Capuchinas de Oleiros ( A Coruña)

O lenzo representa a san Francisco en actitude de oración, entregado á contemplación do Cristo crucificado, co que establece un diálogo espiritual. O santo de Asís aparece de pé, vestido cun hábito pobre e remendado, apoiado sobre unha rocha e coas mans xuntas. A figura inclínase lixeiramente cara adiante, mentres a iluminación destaca o rostro, onde se concentra a intensidade da súa expresión espiritual. Nas mans e nos pés aprécianse as feridas dos estigmas, aínda abertas, que evidencian a súa identificación coa Paixón de Cristo.
A escena complétase con elementos vinculados á vida eremítica e á penitencia, dispostos sobre a rocha de maneira coidada: libros, unha caveira, un flaxelo de coiro, cordas anoadas e unha esteira. O fondo escuro e a paleta sobría acentúan o carácter tenebrista da obra, creando un forte contraste lumínico que intensifica o recollemento e a carga devocional. Descoñécese a súa orixe e o modo en que puido chegar á Coruña; tras diversas atribucións, o cadro foi vinculado a Francisco Zurbarán e o seu entorno.