Ficha técnica
Autor: Taller hispano-filipino
Cronoloxía: Primeira metade do século XVIII
Material: Marfil
Procedencia: Parroquia de Nosa Señora da Mercé de Conxo
Procedente do convento compostelán de Conxo, esta escultura de marfil representa ao arcanxo San Miguel en actitude triunfante sobre o mal: alza a espada e adianta unha perna para pisar o demo, hoxe desaparecido. Orixinalmente, a obra estaba adornada cunha espada, un broquel e un morrión de prata, ademais dunha capa bordada e un penacho, elementos actualmente perdidos ou substituídos. Tallada nun obradoiro filipino baixo a influencia do barroco hispano, destaca polo minucioso traballo das ás, do cabelo e dos trazos faciais, de clara influencia oriental. Foi doada por frade Luis Armida, vicario xeral de Nova España, e chegou a Galicia a través das rutas comerciais entre América e a península Ibérica.
