A sancristía da igrexa de San Martiño, rematada en 1740, constitúe unha das dependencias máis relevantes do antigo mosteiro beneditino. Foi proxectada por frei Gabriel de Casas e concluída por Fernando de Casas y Novoa, mestre de obras do cenobio.
O espazo conserva un destacado conxunto escultórico procedente do Monumento do Xoves Santo, deseñado por frei Plácido Caamiña e executado por Xosé Ferreiro. Está integrado polas representacións dos catro evanxelistas, das virtudes teologais e cardinais, e polos anxos portadores dos instrumentos da Paixón.
Completa a estancia unha caixonaría de madeira atribuída a Caamiña, concibida para gardar os ornamentos litúrxicos e funcionar como altar. A súa decoración incorpora óleos flamengos sobre cobre do século XVII, con escenas do Antigo e do Novo Testamento. O programa pictórico complétase con grandes lenzos dedicados a san Bieito, santa Escolástica e santa Helena, ademais dunha serie sobre a vida de san Xosé.

